A compañía farmacéutica Bayer contan cunha pronta liberación da licenza paira a venda do seu medicamento contra a impotencia “Vardenafil” a partir do primeiro semestre de 2003 en Europa, segundo informou a empresa situada en Leverkusen.
A recomendación positiva da comisión científica de medicamentos da Unión Europea (UE) constitúe “un importante fito” paira a comercialización mundial de “Vardenafil”, dixo o director da sección farmacéutica de Bayer, Wolfgang Plischke. Este fármaco é comercializado por Bayer de forma conxunta co laboratorio británico GlaxoSmithKline.
Segundo estimacións de Bayer, hai 152 millóns de homes que sofren de problemas de erección, pero só o 10% deles segue un tratamento adecuado.
O consorcio estadounidense Pfizer, que comercializa a pílula contra a impotencia “Viagra”, denunciara ao consorcio alemán e a outras empresas en outubro por violación do seu dereito de patente. Os expertos en dereito de patentes consideran que ten poucas posibilidades de éxito a demanda de Pfizer, de que o “Vardenafil” poida ser desenvolvido con violación da patente do “Viagra”.
Por outra banda, un estudo de científicos italianos divulgado polos organizadores do Congreso da Sociedade Europea de Investigación de Impotencia Sexual, que se celebrará do 1 ao 4 de decembro en Hamburgo (Alemaña), revela que os problemas de erección poderían ser indicios de doenzas cardíacas graves ou de diabetes.
De acordo co estudo, as primeiras dificultades eréctiles aparecen nunha media de catro anos e medio antes de que se rexistren os primeiros síntomas dunha enfermidade cardíaca.