A Comisión Europea presentou onte un plan quinquenal que busca reducir nun 25% a taxa de accidentes de traballo e enfermidades profesionais para mellorar a saúde dos traballadores e lograr un aumento da produtividade.
O comisario de Emprego, Vladimir Spidla, sinalou que cada ano se rexistran na UE un catro millóns de accidentes laborais que representan enormes custos para a economía europea. “Unha parte considerable deses custos recae sobre os sistemas de seguridade social e as finanzas públicas”, apuntou.
Spidla engadiu que mellorar a saúde e seguridade dos traballadores é unha das claves do crecemento e a creación de emprego na Unión. Ao seu xuízo, impulsando produtividade e calidade de traballo “conseguiremos tamén o crecemento de Europa e a súa competitividade”.
O plan da Comisión Europea introduce por primeira vez un obxectivo con cifras para o período 2007-2012, aínda que o mesmo é puramente indicativo. Ao efectuar o seu balance do anterior plan que abarcou o lustro 2002-2006, Bruxelas estimou que o número de accidentes e enfermidades profesionais está á baixa, tanto no ex Quince como nos novos Estado membros que chegaron á UE en 2004.
Nese sentido, calcúlase unha diminución do 17% nos accidentes mortais de traballo na UE-15 no últimos cinco anos, e do 20% nos contratempos que provocaron ausencias laborais de máis de tres días. De todos os xeitos, Bruxelas advirte que a situación en certos sectores, como a agricultura, a construción ou o transporte, “continúa sendo preocupante”.