Cada bocanada de fume dun cigarro contén dous billóns de radicais libres -moléculas responsables dun proceso de oxidación e envellecemento prematuro das células- que atacan aos pulmóns e fan aos fumadores máis vulnerables aos microorganismos causantes de infeccións, segundo informou a Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) nun comunicado.
José Miguel Rodríguez González-Mouro, médico especialista en enfermidades respiratorias da SEPAR, asegura que entre estes microorganismos destacan os virus e as bacterias.
Doutra banda, este experto advirte que “un simple coche é capaz de producir máis de 300 quilos de partículas contaminantes ao ano e cada 1.000 quilómetros xera materia tóxica suficiente para matar a cinco individuos que estivesen hipoteticamente encerrados nunha habitación de 80 metros cadrados”. O aire enrarecido é causante de moitas infeccións, así como o aire acondicionado e o tabaco, agrega Rodríguez González-Mouro.
En canto á polución atmosférica, e dado que como individuos non está ao noso alcance evitar os seus efectos a curto prazo, o primeiro consello, segundo o médico, é inspirar sempre que nos sexa posible polo nariz, “porque a mucosa que recubre as fosas nasais quenta e depura o aire que penetra por elas”. Esta medida ten especial importancia no caso de practicar deportes ou realizar esforzos físicos cando se tende a respirar tamén pola boca en busca dunha ración extra de aire.