As autoridades sanitarias canadenses descubriron unha bacteria intestinal na pasta de dentes fraudulenta que tamén chegou a España. O xerme en cuestión chámase “E. Coli” e é especialmente perigoso en nenos e persoas co sistema inmunológico debilitado.
Este achado únese ao do disolvente industrial detectado en Estados Unidos en numerosas marcas de dentífrico procedentes de China e Sudáfrica. No noso país, esta crema dental, que se vendía baixo a marca Colgate, foi descuberta en seis comunidades autónomas:Madrid, Andalucía, Navarra, Murcia, Valencia e Aragón.
As autoridades de Estados Unidos e Canadá ordenaron retirar todas estas partidas e destruílas, e informaron de que a etiquetaxe destes produtos fraudulentos contén erros ortográficos de vulto.En España, en cambio, a escritura é correcta, pero o dentífrico perigoso distínguese pola ausencia de referencias en castelán.
Resultados das análises
O Ministerio de Sanidade e Consumo dixo que as primeiras análises efectuadas polo Centro de Investigación e Control de Calidade do Instituto Nacional do Consumo (INC) sobre mostras da pasta dental sospeitosa non mostran indicios da presenza de sustancias perigosas para a saúde nin de dietilenglicol, o tóxico que activara as alarmas.
Con todo, a Federación de Consumidores en Acción (FACUA) pediu ao Ministerio que aclare se estas análises cobren mostras de Colgate en todas as variantes comercializadas do polo menos cinco países desde os que se importou o produto ilegalmente: Sudáfrica, Exipto, Turquía, Brasil e Tailandia.
FACUA solicitou ademais a apertura dunha investigación sobre a multinacional estadounidense ante a posible existencia dun mercado paralelo dos seus produtos á marxe da lei.
“Independentemente de que chegue a verificarse que os produtos detectados en España non conteñen dietilenglicol, a bacteria ‘E.Coli’ nin outra sustancia perigosa, como si ocorreu en América con produtos que Colgate cualificou de falsificacións, o certo é que en España están a se comercializar dentífricos da multinacional de forma ilegal”, asegura a Federación de Consumidores, que insta á compañía a aclarar o sucedido.