Uns 800.000 traballadores da hostalaría continúan expostos aínda en España ao tabaquismo pasivo, a pesar da entrada en vigor da lei antitabaco, segundo denuncia o Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo (CNPT), con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra mañá, xoves.
Este organismo, integrado por máis de 40 sociedades médicas e outras asociacións do sector sanitario, recoñece que este é uns dos “puntos débiles” da mencionada normativa, polo que considera que chegou o momento de contemplalo así e de actuar “en consecuencia”.
O CNPT pide que se amplíe a protección fronte ao fume ambiental do tabaco aos sectores de lecer e hostalaría. Iso, di, “ademais de beneficiar aos clientes, equipararía os dereitos dos seus centos de miles de empregados cos do resto de traballadores”. Aposta ademais por que o Ministerio de Traballo acepte formalmente os riscos do tabaquismo pasivo no medio laboral e contribúa a que se recoñezan os seus efectos na saúde como enfermidade profesional.
E é que o tabaquismo pasivo segue sendo un importante factor de enfermidade e morte. As cifras que baralla o CNPT indican que actualmente o 14% de todas as mortes relacionados co traballo débense ao fume inhalado do tabaco, así como o 2,8% dos casos de cancro de pulmón.
“Moitas destas persoas traballan nos sectores da hostalaría e as industrias do lecer e o entretemento, onde, coa lei na man, aínda é posible fumar”, sinalan expertos do Comité, quen cren que “deixar o asunto ao albur de acordos entre fumadores e non fumadores, demostrouse na práctica que resulta unha barreira para a adopción de medidas realmente protectoras e eficaces”.