Consumo da Rexión de Murcia retirou do mercado 507 unidades do dentífrico Colgate Advanced Whitening tras detectar a “presenza de microorganismos aerobios mesófilos”, segundo informa Facua-Consumidores en Acción. As unidades retiradas foron atopadas a semana pasada nunha nave dunha empresa murciana que, de acordo a declaracións do conselleiro de Turismo e Consumo, José Pablo Ruiz Abellán, podería distribuír máis por todo o país.
A pasta de dentes agora retirada chegou a España desde Sudáfrica e, segundo a organización de consumidores Facua, o produto foi incluído na rede de alerta de produtos inseguros do Ministerio de Sanidade e Consumo o 20 de novembro.
A inxestión deste dentífrico presenta risco de intoxicación e a súa retirada únese á das 9 unidades de Colgate Herbal White procedentes de Irlanda detectadas pola Xunta de Galicia o día 12 do mes pasado. A empresa que realizara a distribución en Galicia estaba en Murcia, por iso os inspectores realizaron as pertinentes investigacións e procederon á inmovilización das 507 unidades, procedentes de devolucións que os clientes desta compañía efectuaran ao decatarse que había problemas con ese lote, o 3198GB10333.
A Inspección de Consumo da Rexión de Murcia aconsellou aos consumidores que “sigan mantendo a alerta” e chamen, en caso de necesidade, ao teléfono da Oficina do Consumidor ao número 901-501601, que só atende chamadas desde a propia comunidade autónoma.
Catro meses despois
Facua mostrou a súa preocupación pola concisa información difundida publicamente polo INC e porque estes casos están a transcender “máis de catro meses despois de estalar a alerta das importacións ilegais de Colgate”, que proceden de, polo menos, nove países: Brasil, Camerún, Exipto, Irlanda, Rusia, Sudáfrica, Tailandia, Turquía e Usbequistán.
A principios de verán Consumo de Murcia interveu 450.000 tubos de pasta de dentes das marcas Colgate, Close Up e Crest que estaban a ser distribuídos, de forma supostamente irregular, por boa parte do país. En concreto, a lexislación sobre consumo establece como ilegal a venda de produtos que non leven a etiquetaxe en castelán. Algo que todos estes envases de dentífrico incumprían, xa que foran importados de países alleos á Unión Europea e as súas etiquetas orixinais, coas que estaban a ser vendidas, figuran en idiomas tan diferentes como o inglés, o chinés ou mesmo o ruso ou outras linguas eslavas.