A Consellería de Saúde e Consumo de Aragón informou sobre a detección na provincia de Huesca do primeiro caso de malaria contraído en España en 50 anos, desde 1961. O paciente contraeu a enfermidade tras recibir a picadura dun mosquito. A conselleira de Saúde, Luisa Noeno, non deu máis detalles sobre o enfermo afectado e dixo que especialistas en Epidemiología estudan agora como se produciu o contaxio, rexistrado a finais de setembro nun centro de saúde da provincia aragonesa e confirmado polo Instituto de Saúde Carlos III de Madrid.
Noeno asegurou que o caso non leva ningún risco para a poboación, aínda que os epidemiólogos deben determinar agora como chegou á zona, dado que o paciente “non se moveu de Aragón ou, polo menos, de España. Non visitou ningún país onde esta enfermidade é habitual”. Tamén sinalou que a enfermidade “non entraña ningunha gravidade e ten tratamento”.
A malaria detectouse nunha analítica realizada ao paciente despois de que non mellorase o cadro de febre e malestar que tiña. Segundo Noeno, este caso confirma que a rede de vixilancia epidemiolóxica “funcionou unha vez máis” e agora son “os especialistas quen teñen que analizar as posibles causas e todo o que rodea á incidencia”.