Unha aplicación informática desenvolvida nos últimos meses pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), dependente do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, mellorará o intercambio de información sobre medicamentos falsificados cos países iberoamericanos.
O anuncio realizouse tras a última reunión dos Encontros de Autoridades competentes en Medicamentos dos Países Iberoamericanos (EAMI), celebrada do 9 ao 13 de maio en Cartaxena de Indias (Colombia), na que participaron representantes de Ecuador, Arxentina, México, Guatemala, Honduras, Bolivia, Perú, Paraguai, O Salvador, Venezuela, Panamá, Colombia e España.
Esta aplicación desenvolveuse baixo a supervisión do Secretariado de EAMI e cumpre co obxectivo de xerar “un sistema que some esforzos e que facilite a cooperación a nivel internacional”. Nesta reunión acordaron tamén pór en funcionamento un procedemento para a xestión de alertas de medicamentos ilegais detectados, tanto dentro como fóra das canles legais de comercialización e distribución. Tamén destacaron a necesidade de implementar un sistema de intercambio rápido de información que facilite a notificación de cada caso e o desenvolvemento de actuacións coordinadas entre as axencias reguladoras dos distintos países membros de EAMI.
Os países que participan nesta institución defenden a prevención e a loita contra os medicamentos ilegais en cada un dos países membros, para o que piden fortalecer os sistemas nacionais mediante unha colaboración estreita entre os mesmos dentro do ámbito EAMI, para así poder utilizar cun maior aproveitamento deste sistema de alerta rápida. Neste sentido, propoñen establecer un sistema de seguimento que permita unha mellor xestión de cada unha das alertas emitidas e que axude, no posible, a dilucidar con detalle as características propias de cada caso detectado para unha mellor coordinación de actuacións.
Os EAMI teñen como misión promover o intercambio de información técnica, organizativa e de experiencia efectiva na súa aplicación entre os países integrantes para garantir o acceso a medicamentos e produtos sanitarios, co fin de asegurar a calidade, eficacia e seguridade dos mesmos, desde o enfoque particular dos países iberoamericanos.