Un grupo de investigadores do Instituto Pasteur de París identificou unha nova molécula no organismo que pode converterse nun gran aliado para loitar contra as molestias físicas. Trátase da opiorfina, que está na saliva humana e que podería ser un analxésico tan poderoso fronte á dor como a morfina.
Segundo concluíu o estudo, as ratas tratadas con inxeccións desta nova molécula necesitaron unha dose tres veces máis baixa que os roedores tratados con morfina para poder acougar a súa dor. Cunha dose dun miligramo por quilogramo, a opiorfina logrou os mesmos resultados que con 3-6 miligramos de morfina. A nova sustancia natural eliminou a sensación de dor e reduciu a inflamación nos animais tratados.
O método que utilizou o equipo de Catherine Rougeot para illar e sintetizar a opiorfina para suprimir a sensación da dor dun grupo de ratas relátase agora en Proceedings “”, a revista da Academia de Ciencias Americana. Así, os investigadores relatan que identificaran con anterioridade outra sustancia inhibidora da dor en ratas, denominada sialorfina. Pensaron que se existía este composto nestes animais tamén poderían buscalo en humanos. Efectivamente, os científicos franceses illaron con éxito da saliva humana ese pequeno péptido denominado opiorfina e comprobaron que inhibía a mesma clase de proteínas que a sialorfina das ratas.
A opiorfina humana presenta un poder analxésico que potencia o sistema opioide endóxeno do organismo, encargado de controlar os mecanismos de recompensa que foron tan decisivos na supervivencia da nosa especie. Desta forma, cando sufrimos unha lesión, o corpo activa os seus mecanismos de alarma. Sentimos dor e no sistema nervioso central libéranse unhas sustancias con poder analxésico suficiente como para que esa dor non sexa insoportable.
O coñecemento dese sistema natural resulta de importancia para lograr novas dianas terapéuticas e obter novos fármacos para loitar contra a dor. O desenvolvemento dun arsenal terapéutico máis amplo é esencial no tratamento crónico da dor. E é que algúns dos derivados da morfina que se utilizan van perdendo a súa capacidade analgésica a medida que o organismo se vai habituando. Así mesmo, os científicos do Instituto Pasteur esperan que o achado lles permita identificar as condicións nas que o organismo libera de forma natural a opiorfina para inducir esta reacción.