Crecen de forma significativa as denuncias dos pacientes contra a sanidade pública e privada por presuntas neglixencias médicas. A Asociación do Defensor do Paciente recibiu este ano un total de 12.404 denuncias deste tipo, o que supón 367 máis que en 2005. Este incremento produciuse principalmente pola falta de persoal para atender a unha poboación en constante crecemento e as folgas mantidas polos traballadores da saúde, segundo consta na memoria anual desta asociación.
Segundo Carmen Flores, presidenta do Defensor do Paciente, o peor de 2006 foi que ningunha comunidade autónoma ha cumprido os seus obxectivos na redución das listas de espera e que as urxencias, ademais de manter os problemas de masificación por falta de persoal, ofrecen agora “menos intimidade” para o tratamento dos pacientes, o que supuxo un descenso da súa calidade.
O maior número de denuncias por neglixencia presentouse contra hospitais da sanidade privada, onde non existen controis da calidade do servizo por parte da Administración. Na sanidade pública, os principais problemas producíronse pola falta de persoal, que fai que as urxencias estean “colapsadas” e que os médicos de cabeceira teñan demasiados pacientes. Tamén foron focos de problemas as folgas e os “erros” cometidos polos médicos de garda durante os fins de semana e vacacións, xa que descoñecen o historial do paciente.
Por rexións, a Comunidade de Madrid é a que acumula máis denuncias, 4.102, sendo o Hospital Clínico San Carlos o máis denunciado. Séguelle Andalucía, con 1.215 denuncias e o Hospital Virxe do Rocío de Sevilla como o que acumula máis queixas. En terceiro lugar sitúase Cataluña, con 1.103 denuncias e o Hospital de Vall d’Hebrón de Barcelona como o máis denunciado.
A continuación sitúase a Comunidade Valenciana, con 1.087 denuncias e o Hospital Universitario Doutor Peset de Valencia como o peor valorado, seguida de Galicia, con 794 denuncias e o Hospital Xeral-Cíes de Vigo como o que recibiu máis queixas; Castela e León, con 780 denuncias e o Hospital Clínico de Valladolid como o máis denunciado, e o País Vasco, con 656 denuncias e o Hospital de Cruces, en Barakaldo (Biscaia), á cabeza en número de queixas.