O Consello de Ministros aprobou na súa reunión de hoxe un decreto polo que se derroga a disposición da lei antitabaco que establecía unha moratoria de tres anos para aplicar as restricións á esponsorización e publicidade dos produtos do tabaco nas competicións de motor.
Desta forma, o Goberno cumpre cun requirimento da Comisión Europea, que ameazara a España con sancións por non cumprir a directiva 2003/33/CE, que, entre outras cousas, prohibe que o tabaco patrocine acontecementos ou actividades transfronteirizas.
O pasado mes de outubro, o Executivo comunitario reclamou ao Estado español a eliminación da devandita moratoria ao entender que non se axustaba á prohibición absoluta da publicidade do tabaco imposta pola directiva mencionada.
Ademais de España, Bruxelas abriu procedementos de infracción por motivos similares a outros países, como Alemaña, Chequia, Italia ou Hungría.