Un recente estudo estableceu unha conexión entre o aumento dos caudais dos ríos, a temperatura do mar e a proliferación da bacteria do cólera. Asegura que a presenza de grandes correntes fluviais favorece a aparición do fitoplacton, o alimento oceánico do zooplacton que se asocia coa bacteria do cólera. As conclusións tamén aseguran que o incremento da temperatura mariña provocará o mesmo efecto, xa que é outro factor de crecemento do fitoplacton.
O estudo, publicado na revista “American Journal of Tropical Medicine and Hygiene”, analizou datos de grandes ríos como o Ganges, o Brahmaputra e o Meghna recompilados durante 12 anos. Así descubriron que a causa de que se reproduza o fitoplacton atópase na gran cantidade de nutrientes procedentes da terra que transportan, o que permite o crecemento do zooplacton e contribúe á aparición do cólera.
Os resultados obtidos facilitarán a predición de futuros brotes de cólera asociados a cambios climáticos e ambientais. Así o asegura Shafiqul Islam, profesor da Universidade estadounidense de Medfor: “A asociación entre temperatura da superficie mariña e brotes de cólera permite concluír que o quecemento global aumentará os casos de cólera”.