No último ano morreron en España máis 6.300 persoas a causa do tabaquismo pasivo, segundo os datos que manexa o Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo (CNPT), do que forman parte múltiples sociedades científicas e outras asociacións profesionais do ámbito sanitario. O fogar sería a principal fonte de exposición ao fume do tabaco. Aquí orixináronse o 86,7% dos falecementos, motivados principalmente por ictus cerebral, infarto de miocardio, cancro de pulmón, bronquite crónica e enfisema.
O CNPT explica que estes datos e consideracións cadran coas conclusións dun recente informe elaborado por catro sociedades científicas europeas, titulado “Levantar a cortina” e no que se pon o acento no problema do tabaquismo a nivel europeo.
A extrapolación dos datos contidos neste estudo a España avala a información previa do CNPT, ademais de permitir a esta asociación lanzar unha crítica ao Parlamento Europeo por autorizar hai uns días a existencia de salas de fumadores nas súas propias instalacións.
Fume no traballo
O Comité destaca que o tabaquismo pasivo no traballo é un problema “en transo de ser acoutado” por mor da aprobación da Lei do Tabaco, aínda que non sucede o mesmo nos fogares nin na hostería.
Segundo un estudo da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), a exposición ambiental ao fume no primeiro ano de aplicación da lei reduciuse notablemente nos centros laborais e educativos, mentres que só diminuíu un 7,75% nos fogares e apenas variou nos centros de lecer e hostalaría.
“Millóns de persoas e, en especial, os nenos, os enfermos crónicos e os anciáns están expostos ao fume ambiental do tabaco nos fogares e hai que facer todo o posible para evitalo”, sinala Anxos Planchuelo, presidenta do CNPT, quen engade que “cando hai xente fumando nos domicilios privados e espazos públicos pechados, a contaminación é, como media, un dez veces maior á que existe nas rúas das cidades polo tráfico”.
Respecto da decisión da Eurocámara de permitir salas de fumadores no seu recinto, o CNPT di que é “deplorable”. Lembra, neste sentido, que as salas para fumar “non son máis que unha coartada para incumprir a lei e unha estratexia argumentada e utilizada desde hai anos pola industria tabaqueira para seguir mantendo o seu negocio”.