O 30 de agosto entrou en vigor o Real Decreto 1039/2011, polo que se establecen os novos tempos de espera máximos para as prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde. Tal e como publicou o Boletín Oficial do Estado (BOE), este período será de 180 días naturais a partir da inclusión do paciente no rexistro da correspondente lista de espera. Con todo, este límite só será de obrigado cumprimento nalgunhas especialidades como en cirurxía valvular, cirurxía cardíaca coronaria, cataratas, próteses de cadeira e prótese de xeonllo.
A nova norma precisa que a garantía de tempo máximo de acceso é o compromiso adquirido polo Servizo de Saúde de cada comunidade autónoma para atender ao paciente dentro dun determinado período de tempo coas condicións de calidade adecuadas. Como xa matizou o Ministerio de Sanidade tras a aprobación da norma, este período máximo de espera só aplicarase ás intervencións que orixinaron a inclusión do paciente nunha lista de espera, e non a outras patoloxías sobrevindas.
Un criterio que delimitou as intervencións incluídas na nova regulación foi o da gravidade das patoloxías motivo da atención, entendidas como aquelas cuxa evolución orixina risco de morte, discapacidade ou provoca unha diminución considerable da calidade de vida. Outro criterio foi a eficacia da intervención e a súa oportunidade, é dicir, que a realización temperá dunha operación evite o progreso da enfermidade ou a produción de secuelas importantes.
O Real Decreto tamén enumera as intervencións que quedan excluídas do seu ámbito de aplicación. Entre elas atópanse os transplantes de órganos e tecidos, que estarán suxeitas á dispoñibilidade de doantes e as técnicas de reprodución asistida. Tampouco se inclúen as situacións de catástrofe, a atención sanitaria de urxencia e a queimados nin os reimplantes de membros.