Os ácidos grasos Omega-3 inhiben de forma destacada o crecemento de células tumorales no fígado, segundo conclúen dous estudos da Universidade de Pittsburg (EE.UU.), que se fixeron públicos durante a reunión anual da Sociedade Americana de Investigación do Cancro, que se celebra estes días en Washington.
Estes traballos revelan que o efecto dos mencionados ácidos, contidos en altas cantidades no aceite de peixe e en certas sementes e froitos secos, débese probablemente á indución da apóptosis ou morte celular programada. Este descubrimento abre a porta a terapias eficaces tanto para o tratamento como para a prevención do cancro hepático en humanos.
O primeiro dos estudos céntrase no efecto e mecanismo do acedos Omega-3 e Omega-6 nas células de carcinoma hepatocelular humano. Este tipo de cancro supón entre o 80% e o 90% de todos os tumores de fígado e os pacientes adoitan ter unha supervivencia de tres a seis meses tras o diagnóstico. Os investigadores trataron o cancro con dous tipos de acedos omega-3: o ácido docosahexanoico (DHA) e o eicosapentanoico (EPA), e co araquidónico (AA), que é un tipo de ácido graso Omega-6, durante un período de 12 a 48 horas. O tratamento con DHA e EPA reduciu os niveis dunha proteína coñecida como betacatenina, cuxos altos niveis están ligados ao desenvolvemento de varios tumores. O AA non mostrou ningún efecto.
No segundo estudo tratáronse, durante o mesmo número de horas que no primeiro, células tumorales de colangiocarcinoma, unha forma particular de cancro de fígado que aparece nos condutos que portan a bilis e que ten unha elevada taxa de mortalidade. Neste caso, os científicos concluíron que os ácidos DHA e EPA tamén freaban o crecemento tumoral.