A acne é una das enfermidades da pel máis comúns que se produce no tránsito da nenez á adolescencia e que padecen o 74% dos adolescentes españois entre 12 e 18 anos. Esta patoloxía pódese converter nun cúmulo de problemas paira os adolescentes, como demostra o feito de que máis da metade deles sofren ansiedade e un de cada cinco depresión pola acne, segundo un estudo presentado onte por dermatólogos españois.
“A acne condiciona o aspecto persoal e cambia a imaxe que o individuo ten de si mesmo e a que proxecta aos demais”, asegura o catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona e membro da Asociación Española de Dermatoloxía e Psiquiatría, o doutor Santiago Estaún.
Segundo este experto, é básico que os psiquiatras ou psicólogos interveñan no tratamento dos afectados pola acne cando o dermatólogo observe indicios de trastorno emocional ou conduta obsesiva e compulsiva. Tamén destaca a importancia de tratar psicoloxicamente aos adolescentes, pois poden ter maiores secuelas a longo prazo.
Na presentación do estudo, divulgáronse outros traballos realizados en Reino Unido que demostraban que un 60% dos pacientes con acne aduciron ser obxecto de burlas nalgún momento e o 38% confirmaron que o problema lles dificultou as súas relacións persoais. Outro dato a destacar é que “o índice de paro entre estes afectados é o dobre que no resto da poboación”, afirma Estaún.
Pola súa banda, a doutora Aurora Guerra, secretaria xeral da Academia Española de Dermatoloxía e xefa de sección de Dermatoloxía do Hospital Doce de Outubro de Madrid, sinala que o 12% das mulleres e o 5% dos homes manteñen o problema da acne por encima dos 40 anos. “O uso de maquillaxes ou produtos cosméticos inadecuados, a contaminación ambiental e a tensión, favorecen a prolongación desta enfermidade”, apunta Guerra.
Dieta e tratamentos
No referente á dieta, a dermatóloga indica que non existe ningún estudo científico que demostre que a dieta alimenticia sexa una das causas da acne, porque a graxa que se inxere non se acumula nas glándulas sebáceas.
Así mesmo, asegura que é necesario individualizar os tratamentos porque existen moitos tipos de acne, pero case todos chegan a curarse cun adecuado tratamento a longo prazo.
Actualmente, en España a dermatoloxía é a especialidade mais solicitada nos ambulatorios, oscilando entre en 15 e o 25% de todas as consultas de Atención Primaria. Ademais, observouse que nas consultas do dermatólogo, a acne é a patoloxía máis frecuente, precisa Guerra.
Neste sentido, os dermatólogos denuncian que a Administración sanitaria segue sen darlle importancia ao problema da acne, polo que solicitan o financiamento público dos tratamentos.