Un uso excesivo de xabóns antibacterianos que conteñen triclosan podería provocar en persoas novas máis alerxias, mentres que a exposición a niveis elevados de Bisphenol A entre adultos podería influír de forma negativa ao sistema inmune. Así o afirma polo menos un estudo da Universidade de Michigan en Ann Arbor (Estados Unidos) que se publica na edición dixital da revista “Environmental Health Perspectives”.
O triclosan é un compoñente químico moi utilizado en produtos como os xabóns antibacterianos, a pasta de dentes, bolígrafos, bolsas de cueiros e dispositivos médicos. O bisfenol A (BPA) atópase en moitos plásticos e, por exemplo, na superficie protectora das latas de alimentos. Ambos os químicos son unha clase de tóxicos ambientais chamados compoñentes de alteración endocrina que se cre teñen un impacto negativo sobre a saúde humana ao imitar ou afectar as hormonas.
Os autores do traballo utilizaron datos dunha enquisa estadounidense sobre saúde e nutrición e compararon os niveis en ouriños de BPA e triclosan cos niveis de anticorpos do citomegalovirus (CMV) e o diagnóstico de alerxias ou febre do heno en adultos e nenos de máis de seis anos. “Descubrimos que as persoas con máis de 18 anos con niveis máis elevados de exposición a BPA tiñan maiores niveis de anticorpos CMV, o que suxire que as células do sistema inmune podían non funcionar de forma adecuada”, explicou Erin Rees Clayton, un dos científicos. Os investigadores tamén acharon que as persoas con 18 anos ou menos con maiores niveis de triclosan eran máis propensas ao diagnóstico de alerxias e febre do heno.
Os descubrimentos sobre o triclosan nos grupos máis novos poderían apoiar a hipótese da hixiene, que mantén que vivir en ambientes moi limpos e hixiénicos podería alterar a exposición aos microorganismos que son beneficiosos para o desenvolvemento do sistema inmune, sinalou Allison Aiello, directora do estudo. “Non é tan bo que unha persoa sexa demasiado limpa”, afirmou Aiello. Estudos previos en animais indican que o BPA e o triclosan poderían afectar o sistema inmune, pero este é o primeiro estudo coñecido que examina a exposición ao BPA e o triclosan coa súa relación co funcionamento inmune humano, concluíu a investigadora.