Un total de 22 sustancias utilizadas nalgunhas tinguiduras para o cabelo foron prohibidas pola Comisión Europea ante o risco de contraer cancro de vejiga que provoca o seu uso a longo prazo. A decisión enmárcase no proceso iniciado en 2003 polos Estados membros, a industria cosmética e outros implicados para definir unha lista de sustancias utilizadas en tinguiduras capilares e que non implican riscos para a saúde.
O portavoz de Industria da Comisión, Gregor Kreuzhuber, explicou onte en rolda de prensa que a industria non facilitou datos sobre a seguridade destas 22 sustancias, que quedarán prohibidas definitivamente no territorio comunitario a partir do próximo 1 de decembro.
Ademais, Kreuzhuber precisou que o Comité Científico para Produtos Cosméticos recomendou a súa prohibición sobre a base dun estudo que concluíu que o seu uso a longo prazo en certas tinguiduras capilares podía provocar cancro de vejiga.
O portavoz agregou que a medida afecta a sustancias que gran parte das empresas do sector aceptaron no pasado, de forma voluntaria, deixar de utilizar, pero que no entanto seguen presentes nalgúns produtos.
O mercado das tinguiduras capilares na UE rexistrou en 2004 un volume de negocio de 2.600 millóns de euros. Estímase que máis do 60% das mulleres e ata o 10% dos homes tínguense o pelo, unha media de entre seis e oito veces por ano.