O cancro pode crecer un 50% até o ano 2020 si a poboación non adopta hábitos de vida sans. Esta é una das conclusións do “Informe Mundial sobre o Cancro” elaborado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que foi presentado onte en diferentes capitais do mundo. Trátase, segundo os seus responsables, do estudo máis completo sobre a enfermidade xamais realizado.
Segundo este documento, 5,3 millóns de homes e 4,7 millóns de mulleres desenvolveron tumores malignos en todo o mundo no ano 2000; outros 6,2 millóns de persoas faleceron por culpa do cancro. As cifras representan o 12% das mortes por todas as causas, que a OMS estima ao redor dos 56 millóns de cidadáns paira ese ano. O informe, co que esta organización tenta crear as bases paira una política de saúde pública, sinala que un terzo de todos os cancros pode previrse, que outro terzo pode curarse e que o terzo restante é incurable, aínda que existen paliativos paira a dor.
As tres áreas nas que se debe actuar son a redución do consumo de tabaco -que se mantén como a causa de cancro máis evitable-, un estilo de vida e dieta sas e a detección temperá, en particular de tumores cervicais ou de mama. Rafael Bengoa, director do Departamento de Xestión de Enfermidades Non Infecciosas da OMS e antes director de Planificación e Organización do Servizo Vasco de Saúde, afirmou que “a responsabilidade fundamental da prevención corresponde ás administracións públicas”.
Durante a presentación do informe en Londres, Bengoa dixo que, no caso do tabaco, “ninguén empezou a fumar dunha forma libre, senón que houbo campañas publicitarias ben deseñadas”. O especialista declarou que a incidencia do tabaco como factor fundamental paira a extensión do cancro nos países mediterráneos queda patente nos datos que sinalan que, mentres que o cancro de pulmón segue sendo o máis estendido no sur de Europa, no norte o é o de próstata.
Globalización
“As cifras que presenta o informe indican que a globalización contribuíu a homoxeneizar o tipo de cancros en todo o mundo”, anunciou Bengoa. O experto puxo o exemplo da India, onde, antes da extensión do tabaco e do “comido lixo”, había cifras menores dalgúns tipos de tumores. A OMS loita para que se abandone o consumo de tabaco, pero cre que non debe practicar a mesma política fronte aos produtores da chamada “comida lixo”. “Estamos a exercer presión e asesoramento ante as empresas paira a redución de azucres e sales nos seus produtos”, manifestou o directivo da OMS.
Doutra banda, o informe pon de manifesto que aínda existen diferenzas entre os países pobres e ricos. O cancro de próstata está máis estendido nos ricos e o de pulmón, nos pobres. E a iso engádese que, mentres que o 50% dos cancros son curados nos países ricos, o 80% detéctase máis tarde nos países do Terceiro Mundo. Xunto a diferenzas nos sistemas de prevención a escala global, existen tamén dificultades derivadas do prezo dos medicamentos, segundo o doutor Bengoa. O experto declarouse partidario dunha política específica nos prezos dos fármacos destinados aos países máis pobres.