Un estudo realizado durante máis de 10 anos en 116 pacientes da Clínica Universitaria de Navarra demostrou que unha técnica pouco agresiva elimina as varices sen cirurxía e co cento por cento de eficacia. A técnica, que se describe na última edición da revista especializada “Arquives of Dermatology”, consiste na inxección nas veas enfermas dunha microespuma, que permite unha cicatrización máis rápida e con menos complicacións.
As varices son unha das patoloxías das que non se coñece o remedio para a súa curación, pero si para o seu tratamento. Ademais, poden desenvolverse e derivar en úlceras que requiren un tratamento máis agresivo. Ata o momento, o tratamento da hipertensión, que é a orixe das varices, facíase dunha forma cirúrxica, aberta ou endoscópica. Coa nova técnica da microespuma, o tratamento non é invasivo e realízase de modo ambulatorio, polo que se evita a anestesia e o repouso.
O tratamento esclerosante iníciase coa localización dos vasos enfermos a través das técnicas de imaxe. Posteriormente realízase unha punción da vea guiada con eco-doppler e introdúcese un catéter, a través do cal se inxecta a microespuma. “Trátase dunha técnica que se realiza de forma ambulatoria, sen necesidade de anestesia, nin repouso. Coa primeira sesión de tratamento diminúe drasticamente a dor e o paciente pode facer unha vida normal”, manifestaron desde o centro.
“Temos estudos que demostran que as varices desaparecen ao cento por cento. O cal non significa que curemos as varices, porque por definición é unha enfermidade que non ten cura, ten tratamento. Pero unha vea dilatada, que é o que é unha variz, que se trata con espuma de polidocanol guiado por ultrasóns, é unha variz que desaparece”, dixo o doutor Leopoldo Fernández, especialista en cirurxía cardiovascular.