Tras décadas de crecemento continuado, o cancro de mama empezou a descender entre as mulleres españolas. O tumor máis común entre as mulleres en España alcanzou o seu pico máis alto o ano 2000 e un ano despois empezou a producirse un “descenso abrupto”, segundo un estudo do Instituto de Saúde Carlos III realizado a partir dos rexistros de cancro españois.
A investigación, publicada na revista “Journal of National Cancer Institute” e dirixida por Mariña Pollán e Roberto Pastor, investigadores do Centro Nacional de Epidemiología, constitúe a primeira proba do descenso do cancro no noso país, un cambio que xa se constatou en Estados Unidos, Canadá, Francia ou Australia.
Se durante as décadas do oitenta e o noventa a incidencia global de cancro de mama aumentou un 2,9% anual, a partir de 2001 invístese a tendencia. O número de tumores cae desde ese ano case na mesma proporción na que aumentaba, nun 3% anual, aínda que non por igual en todos os grupos de idade. O descenso obsérvase nas mulleres de máis de 45 anos, mentres que hai un lixeiro aumento nas menores de 45 anos. Nas máis novas, a incidencia do cancro de mama mantén un crecemento constante do 1,8% anual.
Detrás destes resultados están os programas de mamografía que puxeron en marcha as comunidades autónomas, destacou Mariña Pollán. De feito, Navarra e o País Vasco, pioneiras na creación de programas de cribado, foron as primeiras en notar o descenso. Grazas a esta iniciativa, cada dous anos as mulleres de máis de 50 anos fanse unha mamografía para detectar os tumores de forma precoz, cando aínda se está a tempo de tratalos sen risco. “Se o programa funciona ben, ao principio a incidencia do cancro de mama aumenta. Pero logo tende a diminuír, porque se reduce o número de casos silentes, que non foran detectados con anterioridade”, explicou.