Un equipo de investigadores da Queen’s University de Belfast, en Irlanda do Norte, desenvolveu un novo método de diagnóstico para a meninxite. Os seus creadores aseguran que permite identificar a enfermidade en só unha hora, o que aceleraría a detección precoz, algo esencial no tratamento da meninxite pola rapidez e a gravidade coa que se desenvolve.
Mike Shields, director do estudo, explicou que a dificultade do seu diagnóstico reside en que os primeiros síntomas son os mesmos que en calquera outra infección viral leve. Por iso, ante a mínima sospeita de presenza do meningococo, os médicos optan por tratamentos antibióticos mentres esperan os resultados analíticos, que tardan entre 24 e 48 horas. Asegura que con novo método diagnóstico evitaríanse tanto tratamentos innecesarios como diagnósticos tardíos.
O novo test desenvolvido en Belfast aseméllase a unha pequena impresora e pode detectar a meninxite mediante a análise dunha soa mostra de sangue ou saliva. Shields sinala que as principais diferenzas cos métodos actuais de avaliación son a súa rapidez e o seu reducido custo. Detalla que, aínda que ambas as técnicas baséanse no rastrexo molecular de xenes, o novo test pode realizarse na mesma habitación do paciente sen necesidade de enviar as mostras a un laboratorio, o que retarda o tempo de diagnóstico e encarece o proceso.
En xuño, o equipo médico que desenvolveu o test recibiu o galardón “Elevations Diagnostics idea of the year award”, que outorga HSC, unha entidade formada por expertos do sector industrial e sanitario. Na actualidade, o novo método de diagnóstico próbase no Hospital Infantil Royal Vitoria de Belfast.