Non todos os enfermos de Parkinson atrévense a someterse á neuroestimulación cerebral, o avance máis importante nas últimas dúas décadas no tratamento deste mal. Esta complicada técnica consiste en introducir uns eléctrodos no cerebro, o que provoca aínda temor en moitos enfermos, que prefiren seguir coa medicación.
Co obxectivo de despexar dúbidas sobre os seus beneficios e riscos, un equipo médico do Hospital Hines de Illinois (Estados Unidos) investigou a 255 pacientes con Parkinson que seguían diferentes terapias. Estes expertos confirman agora os beneficios da cirurxía do Parkinson, con melloras na calidade de vida e capacidades motrices (tremores, rixidez, movementos involuntarios) que non logra outro tratamento.
Observáronse beneficios mesmo en pacientes de máis de 70 anos. No entanto, a investigación tamén advirte de que os enfermos están expostos a maiores efectos secundarios. O risco máis común foi a infección cirúrxica, así como desordes do sistema nervioso e psiquiátricos (depresión, ansiedade), problemas relacionados co dispositivo e trastornos cardíacos. Moitos destes problemas foron temporais, apareceron o tres primeiros meses e solucionáronse pasado medio ano, cando se deu por concluído o estudo. Os efectos secundarios foron maiores que no grupo que tomou medicación.
A estimulación cerebral profunda mellora o control dos pacientes cuns eléctrodos que quedan inseridos no cerebro e, á súa vez, están conectados a un neuroestimulador, unha especie de marcapasos implantado no tórax, que xera impulsos. A estimulación realízase nunha das dúas estruturas cerebrais (globo pálido interno e núcleo subtalámico) que controlan o neurotransmisor que falta nos enfermos de Parkinson.