Liñas de acción
As accións que pon en marcha FEGADACE, ademais das que xa citadas, son as seguintes:
- Promoción da investigación epidemiolóxica e social.
- Creación e divulgación de coñecemento científico no ámbito do dano cerebral adquirido.
- Incidencia política.
- Sensibilización da sociedade e información no que respecta a esta discapacidade.
- Formación relacionada co dano cerebral adquirido para diferentes colectivos profesionais e sociais.
En relación coas dúas últimas accións, FEGADACE desenvolve programas de colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e outros colaboradores públicos e privados, para sensibilizar, informar, concienciar e formar á poboación da nosa comunidade autónoma sobre o dano cerebral adquirido. Para iso, traballa con diferentes grupos e colectivos, e desde diferentes enfoques.
Promover o coñecemento sobre o dano cerebral adquirido
As accións que se centran en información, concienciación e formación abordan cuestións tan importantes como estas:
- As súas causas (principalmente ictus, nun 80 % dos casos, e asociado ao envellecemento da poboación pero tamén a hábitos de vida actuais).
- Factores de risco.
- Medidas de prevención.
- Signos e síntomas de alarma; pautas de actuación.
- A importancia e a abordaxe dos coidados no ámbito comunitario e familiar.
- Os dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.
- A análise e a prestación dos recursos de atención sociosanitarios dispoñibles no ámbito da comunidade autónoma.
- O fomento do respecto á diversidade.
15 anos con actividades de sensibilización
FEGADACE comezou a realizar actividades de sensibilización cando se creou, en 2007. Quince anos despois, este labor non se detivo. Pola contra, en 2022 levaron a cabo un total de 65 actividades de sensibilización e formación nas que participaron ao redor de 2.000 persoas.
Entre estas actividades houbo charlas de sensibilización destinadas a poboación xeral e con asociacións de mulleres rurais; talleres didácticos realizados no ámbito escolar con cursos de educación infantil, primaria e secundaria; diversos cursos formativos en formato presencial e online; e a Xornada Anual de carácter científico–divulgativo, dirixida a profesionais implicados na atención ao dano cerebral.

Tras analizar os resultados das actividades de 2022 e repasar a experiencia acumulada en todos estes anos, a federación destaca o seguinte:
🔵 Máis mulleres nas actividades
Existe unha enorme diferenza entre o número de mulleres e de homes que asisten a estas actividades. Analizando os datos do 2022, vemos que ás actividades de sensibilización asistiron un total de 420 mulleres e tan só 66 homes. De igual forma, nas actividades formativas máis do 90 % do alumnado eran mulleres.
🔵 Idades de quen participan
Obsérvase unha elevada participación de persoas maiores de 50 anos ás actividades de sensibilización destinada a poboación xeral e de asistencia voluntaria. As franxas de idade maioritarias son:
- de 50 a 59 anos, con 56 persoas asistente.
- de 60 a 69 anos, con 107 persoas asistente.
- de 70 a 79 anos, con 84 persoas asistente.
En canto a estes datos de participación, pódese facer unha valoración moi positiva. E é que un dos obxectivos da Federación na realización deste tipo de actividades é concienciar ás persoas maiores de 50 anos sobre a incidencia do dano cerebral, pois a partir dos 55-60 aumenta a probabilidade de que se presente un ictus.
Ao contrario, detéctase un gran cambio nas actividades de formación, pois nos cursos realizados en modalidade online a media de idade do alumnado é de 39 anos e nas formacións presenciais a franxa de idade maioritaria é entre 40 e 59 anos.
🔵 Alto grao de satisfacción
Tras observar as enquisas de satisfacción pódese afirmar que en todas as actividades realizadas obtivéronse uns resultados moi positivos. A porcentaxe de persoas que están satisfeitas ou moi satisfeitas coas actividades é moi elevado: chega ao 94 %. Á súa vez, máis do 95 % das persoas que asisten ás actividades de sensibilización considera que fai falta realizar máis actividades deste tipo.
En xeral, a realización destas actividades permitiu detectar que, a pesar dos grandes avances conseguidos nos últimos anos e dos datos tan positivos que se obtiveron, faise necesario continuar informando, sensibilizando e formando sobre o dano cerebral adquirido.
Por iso, desde a Federación e as súas entidades membro (ADACECO nA Coruña, ADACE Lugo, Alento en Vigo, DCA Ourense e Sarela en Santiago de Compostela), continuamos deseñando, elaborando e realizando este tipo de actividades. O obxectivo é ampliar as actuacións e tentar chegar a todos os grupos de idade e sectores sociais para conseguir unha maior visibilidade e mellorar o coñecemento xeral sobre esta discapacidade. Este coñecemento redundará nunha mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias, así como na prevención desta discapacidade.
_____
Artigo escrito por Carla Miranda Iglesias, traballadora social de FEGADACE, e Leticia Vila Posada, técnica de formación de FEGADACE.