A aprobación da Unión Europea (UE) dun orzamento de 250 millóns de euros permitirá aos Estados membros combater en 2011 enfermidades animais, en especial, patoloxías que poidan transmitirse a humanos. Desa cantidade, 15 millóns de euros investiranse no control e erradicación da tuberculose bovina en España.
Os fondos comunitarios servirán para financiar ata 138 programas anuais ou plurianuais para erradicar, controlar e vixiar enfermidades animais. Priorizouse o traballo coas enfermidades contaxiosas ao humano, polo que máis da metade do diñeiro (135 millóns) centrarase en erradicar “o oito enfermidades importantes” que poidan afectar tanto á saúde dos animais como á das persoas. Entre estas figuran a brucelose (ou febre de malta), a rabia e a tuberculose bovina. No caso da tuberculose, ademais de España, recibirán fondos Irlanda (16 millóns), Reino Unido (23 millóns) e Italia (7,5 millóns).
Obxectivos logrados
Investiranse 15 millóns de euros para controlar a tuberculose bovina en EspañaO comisario de Saúde e Consumo, John Dalli, celebrou o resultado dos “esforzos” de anos anteriores que permitiron “suprimir a enfermidade da lingua azul (ou febre catarral bovina), que en 2010 “non foi un problema para os gandeiros nin para a industria”. Outro dos éxitos mencionados por Dalli é a loita contra a rabia porque “a súa erradicación está á vista” e conseguirase “a curto prazo”.
O Executivo comunitario considera “erradicada virtualmente” a rabia na Europa occidental, polo que en 2011 o traballo contra esta enfermidade concentrarase nos Estados membros do leste e tamén prevé accións en Ucraína e Bielorrusia. O orzamento é de 24 millóns para actuar en 12 países comunitarios, onde se tratará de inmunizar a animais salvaxes mediante cebos con vacina.
Próximos retos
A Comisión Europea (CE) destinará tamén 23 millóns de euros para controlar a salmonella en aves dos 27 Estados membros e 3,6 millóns de euros para vixiar a gripe aviaria en aves de curral e salvaxes, con probas de laboratorio, o método considerado “máis efectivo” para detectar brotes. En canto ás Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles (EET), Bruxelas considera que a tendencia xeral é “positiva” e “mellora ano a ano “grazas aos programas de seguimento e erradicación”. Por iso, destinará 86 millóns de euros en 2011.
Ademais da aprobación do orzamento de 2011, o comité da cadea alimentaria e saúde animal tamén deu a súa autorización a unha partida de 14 millóns de euros para financiar unha rede europea de laboratorios de referencia en saúde animal e seguridade alimentaria.