A norma IFS (International Food Standard) é un modelo de calidade, é dicir, unha ferramenta que permite avaliar a calidade e a seguridade alimentaria tanto dos produtos como dos procedementos da industria alimentaria. As empresas de distribución alemás e francesas estableceron en 2003 uns requisitos para a xestión da calidade na industria alimentaria, o que deu como resultado a normativa IFS. A día de hoxe, outros países como Austria, Bélxica, Holanda, Polonia e Italia apostan de forma clara por este modelo para xestionar a calidade das súas industrias alimentarias. A última actualización entrou en vigor o pasado 1 de xullo e aplícase cando hai posibilidade de contaminación dun produto durante o proceso de envasado primario e, por tanto, pode aplicarse a todas as empresas alimentarias. As principais novidades, detalladas a continuación, pasan por un aumento dos controis.
A International Food Standard (IFS) establece un sistema de avaliación común de acordo coa lexislación vixente dentro do ámbito alimentario. É tamén unha diferenza competitiva no mercado, xa que é unha certificación voluntaria e orientada á calidade e á seguridade alimentaria. A súa aprobación é o resultado dunha boa transparencia ao longo de toda a cadea de subministración. A versión 6 da norma, a última actualizada, nace coa participación activa de distribuidores, entidades de certificación , industrias alimentarias e empresas de servizos alimentarios de todo o mundo. Supón un apoio aos esforzos de produción en canto á seguridade e á calidade de cada marca alimentaria. A norma IFS, aplicable a comerciantes polo miúdo e almacenistas, permite conciliar a seguridade alimentaria e o control da calidade e pretende facilitar unha ferramenta de xestión orientada á protección do consumidor e ao cumprimento das obrigacións legais.
Máis e mellores controis
Os cambios máis destacados respecto da versión 5 da norma son diversos e responden a varios motivos. Os principais para a revisión son mellorar a formulación dos requisitos e as regras de duración das auditorías. Se se analiza por partes, no primeiro bloque destacan os seguintes:
Unha mellora da comprensión dos informes e dos certificados da norma en todo o mundo, xa que se obriga a traducir ao inglés varios aspectos do informe de auditoría, no plan de accións e no certificado.
Modifícase tamén o sistema de puntuación para identificar e valorar ás empresas que leven a cabo mellores prácticas.
Establécese un novo instrumento para o cálculo da duración da auditoría baseado no número de alcance de produtos, empregados e alcances tecnolóxicos. É de utilización obrigatoria en todas as entidades de certificación e dispoñible na páxina web de IFS.
Modifícase o número de puntos outorgados co cualificativo “D”, o de peor valoración. Deste xeito, preténdese propiciar a mellora continuada.
No segundo bloque figuran as novidades na estrutura:
Créanse requisitos adicionais vinculados á calidade dos produtos, como as análises nutricionais, o control do peso e a etiquetaxe, ou á comunicación interactiva co cliente.
Mantéñense o dez requisitos catalogados como KO. Se non se cumpren estes requisitos, non se pode obter o certificado IFS.
O capítulo 6 “food defense” pasa a ser obrigatorio. Son requisitos específicos relacionados coa seguridade e coas medidas de seguridade ante posibles intentos deliberados de contaminación .
Inclúese un novo capítulo para os produtos elaborados por terceiros.
Obrígase a conservar os rexistros durante un ano, polo menos, despois do fin da vida comercial.
En canto ao sistema APPCC, deberá revisarse cada vez que se realice un cambio que poida afectar á seguridade dos produtos.
No terceiro bloque faise énfase na formación dos auditores. A nova versión sinala que estes estarán cualificados para os produtos e para os sectores tecnolóxicos específicos. Tamén aumenta o nivel de peritaxe dos auditores sobre os produtos e os procedementos. De novo, a norma establece unhas auditorías de calidade cun valor engadido.
A norma IFS establécese como un sistema común de avaliación a través do cal se pretende asegurar unha maior calidade e seguridade alimentaria, así como reducir custos e tempo a fabricantes e distribuidores. As principais vantaxes resúmense en:
Excelencia da calidade, a seguridade alimentaria e a satisfacción do cliente por parte das empresas que se certifican.
Asegúrase o cumprimento da lexislación.
Proporciona aos clientes unha visión panorámica das fortalezas e debilidades dos provedores.
Permite pór en evidencia eventuais ameazas para a empresa, así como potenciais oportunidades de mellora.
Favorece o acceso a novos mercados, grazas ao seu incremento na calidade e ao cumprimento de requisitos de moitos dos grandes distribuidores.
Mellora a reputación empresarial como provedor de produtos de elevada calidade e seguros.
A norma IFS é compatible con outras certificacións, como BRC ou ISO 22000.