Un novo estudo da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) define cales son as 28 prioridades que deberían abordarse segundo 137 investigadores europeos: riscos químicos como a exposición acumulativa; riscos biolóxicos como as zoonosis; ambientais derivados dos produtos químicos; e riscos nutricionais como prácticas agrícolas ou limiares de alérgenos. O obxectivo deste informe é impulsar a armonización da investigación alimentaria na Unión Europea. O artigo explica cal é esta lista de prioridades e a importancia das revisións constantes para facer fronte ás novas necesidades en seguridade alimentaria.
Unha das principais áreas de apoio á cooperación científica é desenvolver un programa de avaliación emerxentes, como novas enfermidades transmitidas por alimentos.
En canto ás prioridades microbiológicas, os expertos destacan:
- Desenvolvemento dun sistema de control de microorganismos illados en alimentos e no medio ambiente responsables de enfermidades humanas.
- Mellora do uso dos datos xenéticos (como a secuenciación do xenoma) para avaliar o risco de contaminantes microbiológicos.
- Prestar atención aos antimicrobianos (resistencia aos antibióticos).
- Non esquecer as enfermidades transmitidas por virus (hepatites A e norovirus en froitas e verduras) e Campylobacter en aves de curral e alimentos listos para consumir.
Sobre as necesidades no medio ambiente, é primordial:
- Mellorar a información sobre a aparición e propagación de organismos nocivos.
- Comprender mellor os organismos biolóxicos e sustancias vexetais usadas na protección dos cultivos (e reducir o emprego de produtos químicos como os pesticidas).
- Vixiar a presenza de contaminantes ambientais nos alimentos.
- Previr os efectos cóctel, é dicir, as mesturas químicas.
Revisións constantes para novas necesidades
Existen moitos riscos a través da cadea dos alimentos que pode ter efectos negativos, se non se tratan como cómpre. A estes únenselles outros problemas como a fraude alimentaria e as malas prácticas, así como a aparición de novos riscos a consecuencia do cambio climático e a escaseza de alimentos. Ademais, unha das bacterias que provoca intoxicacións alimentarias, Campylobacter, vinculada sobre todo á carne de ave contaminada, aínda é pouco coñecida e vai en aumento. Tamén xorden de forma constante novos problemas e ameazas que presentan novos desafíos para a seguridade dos alimentos.
Un dos papeis da EFSA, desde que empezou a súa andaina en 2002, é identificar, analizar e comunicar os riscos que se rexistran na cadea alimentaria. A comunicación do risco tamén é unha das prioridades dos responsables en seguridade alimentaria e, a maneira adecuada de facelo é, aseguran os expertos, a través da transparencia e a claridade baseada no consenso científico para lograr a confianza do consumidor. De forma constante, a EFSA retoma os estudos e revísaos para adaptalos aos novos e futuros tempos. Desta maneira, pretende dar respostas a cuestións como cales son as prioridades de comunicación, que utilidade teñen as accións que levan a cabo, cal é a eficacia da información que se recibe e se hai grupos aos que non lles chega (e de ser así, como debe actuarse para solucionar o problema). Un dos obxectivos é desenvolver información apropiada, exacta e constante baixo criterio científico.