O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte debe “exercer o liderado” fronte ás comunidades autónomas para conseguir unha estratexia estatal “sustentable” e “que facilite a introdución dos contidos dixitais nas aulas“, segundo reclamou o pasado 4 de xullo o presidente da Asociación Nacional de Editores de Libros de Texto e Material de Ensino (ANELE), José Moyano.
Como explicou no transcurso da súa intervención no XXVIII Encontro da Edición “Pancho Pérez González”, que se celebra na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) de Santander, “en España existen na actualidade 17 modelos de dixitalización, todos eles moi diversos e que supuxeron uns enormes investimentos, fundamentalmente en soportes que, ou non se utilizaron ou xa se quedaron obsoletos”. Con todo, advertiu, “non se produciu unha correlación no gasto en formación ou no acceso a contidos educativos dixitais de calidade”. Por iso, reclamou un proxecto “conxunto de todas as administracións educativas” que permita unha incorporación “adecuada” das novas tecnoloxías ás aulas, economicamente sustentable e con contidos de calidade que substitúa a planificación desordenada actual.
Moyano sinalou que esta proposta parte da reflexión que realizou o sector editorial especializado nos contidos educativos despois de analizar as avaliacións que se realizaron dos pilotos desenvolvidos en comunidades como Cataluña, Andalucía, Castela e León, País Vasco, Comunidade Valenciana ou Murcia, entre outras. Por iso ANELE expuxo a necesidade de que o Ministerio aborde unha estratexia que involucre a todas as comunidades e “que aproveite as experiencias dos pilotos, axunte os esforzos económicos e persoais tanto da Administración como das empresas e propicie o desenvolvemento dunha plataforma única que garanta a calidade dos recursos, o acceso á pluralidade de contidos que ofrecen o conxunto das editoriais educativas e a protección de datos dos menores e da propiedade intelectual”. Segundo explicou Moyano, “este modelo é o que se rexistra noutros países da nosa contorna como en Alemaña, Países Baixos, Reino Unido ou Finlandia e que comezan a funcionar con éxito”.
O presidente de ANELE apuntou que o desenvolvemento desta estratexia estatal “podería contribuír a continuar co modelo de éxito que se desenvolveu na edición educativa en papel” e que se exportou a América Latina. “Temos a oportunidade de manter o posicionamento da edición española neste continente. Se non somos capaces de desenvolver solucións adecuadas, virán outros actores e desprazarannos, o que suporá un freo ás estratexias de expansión do español e da nosa cultura”, advertiu.
Tamén lembrou que, segundo todos os estudos sobre a materia, o contido educativo en forma de libro, independentemente do formato no que se presente, “é a principal ferramenta da que dispoñen os docentes para realizar o seu labor diario”.