Un acordo subscrito entre a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España e o Centro Español de Subtitulado e Audiodescripción (CESyA) permitiu que a cerimonia de entrega da XXIII edición dos Premios Goya, que tivo lugar onte, fóra a primeira accesible para persoas con discapacidade auditiva da súa historia.
Así, o acto estivo subtitulado, tanto en directo como na retransmisión por TVE, para que estas persoas puidesen seguilo en igualdade de condicións que o resto de cidadáns.
Esta medida fixo posible que máis dun millón de españois con distintos graos de xordeira tivesen oportunidade de acceder por primeira vez ao contido da gala e ser espectadores dos coñecidos premios, segundo informou a Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), que considera que esta iniciativa supón “un paso importante no deseño dunha sociedade máis participativa e aberta”.
Importante precedente
“Está a crearse un precedente moi importante na vida cultural do noso país, xa que se empeza a recoñecer o dereito das persoas xordas a participar e a gozar como o resto da cidadanía de acontecementos tan populares como os Goya”, afirmou Ana María Vázquez, coordinadora da Comisión de Cultura e Arte da CNSE.
O obxectivo, ademais de contribuír á accesibilidade do acto, é concienciar ao sector do cinema da necesidade de facer produtos audiovisuais accesibles para un público potencial de máis de tres millóns de cidadáns que teñen algunha discapacidade sensorial.
O acordo entre a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas e o CESyA supón o inicio dunha colaboración que ten como meta trasladar a mensaxe da necesidade de que o cinema español sexa accesible para todos mediante o subtitulado e a audiodescripción das películas.