A educación de calidade é un instrumento valioso para loitar contra a fame. Así o dixo a Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) nunha reunión de alto nivel sobre “Educación para Todos”, que comezou onte en Pequín.
A FAO aproveitou a súa participación neste encontro para pedir un maior investimento en ensino nas zonas rurais, onde se concentra a maior parte das persoas pobres. “A falta de escolarización nestas zonas perpetúa a fame”, apuntou. A Educación primaria é “un dos medios máis seguros para que os nenos e as súas familias rompan o círculo vicioso da pobreza e da fame”, aseverou.
Por iso, a axencia da ONU considera prioritario que as zonas rurais logren unha educación de calidade que abarque o ensino primario, a alfabetización e a formación profesional das comunidades de campesiños, pescadores e gandeiros, así como da poboación que vive nas montañas, nos bosques e nos desertos.
Por último, insistiu en que os estudos demostran que a educación contribúe de forma significativa a reducir a malnutrición e desempeña un importante papel no aumento da produtividade.