O conselleiro de Infraestruturas e Desenvolvemento Tecnolóxico da Xunta de Estremadura, Luís Millán Vázquez de Miguel, e o presidente da Fundación Once, Alberto Durán, asinaron un acordo para crear un consorcio de promoción de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación que beneficien ás 100.000 persoas discapacitadas da comunidade autónoma.
No prazo dun ano, comezará o que se veu a chamar o “Parque Tecnolóxico Virtual da Discapacidade”, que explorará campos da robótica, a enxeñaría electrónica e a domótica. A iniciativa perseguirá o obxectivo de que as novas tecnoloxías sexan accesibles aos discapacitados e evitar, por tanto, que teñan menos oportunidades laborais e de calidade de vida que o resto da sociedade.
Prevese que varias empresas se incorporen a un proxecto que comezou a xestarse fai preto dun ano, e que tamén quedará aberto a outras institucións, comunidades autónomas incluídas. Iso si, a sede permanecería sempre en Estremadura. Desta forma, o “Parque Tecnolóxico Virtual da Discapacidade” contará con tres alicerces “fundamentais”: as institucións, as empresas e os científicos. A Xunta de Estremadura e a Fundación Once comprométense ademais a favorecer a formación e emprego das persoas discapacitadas como elemento crave para a súa integración.
Co impulso do Once a rexión poderá incrementar o peso da investigación e desenvolvemento, que pasou na última década de representar o 0,2% do produto interior bruto (PIB) ao 0,7%. Ata agora faltaba introducir o criterio da discapacidade, un aspecto que só aparece como prioritario para a Administración pública dado que “as empresas móvense só polo interese comercial”, segundo opinou Luís Millán Vázquez de Miguel.
A tecnoloxía como hándicap
O presidente da Fundación Once, Alberto Durán, explicou como as vantaxes que se lle supoñen ás novas tecnoloxías poden chegar a ser un novo hándicap para os discapacitados así como outros colectivos como as persoas maiores.
“Para nós o poder utilizar ou non esas novas facilidades é a diferenza entre vivir dignamente ou non”, sinala Durán. O presidente da Fundación Once engade que o discapacitado xa de seu “sofre todos os días problemas para saír da súa casa, para desprazarse e chegar ao traballo caso de que puidese conseguilo, e unha vez alí tamén ten dificultades para chegar á igualdade de oportunidades”.
Alberto Durán cre que o obxectivo deste “Parque Tecnolóxico Virtual da Discapacidade” debe ser o traballo no “cotián”, é dicir, teléfono móbil, televisión dixital, robótica e domótica, e o chamado “deseño para todos” que contempla a utilización universal dos novos dispositivos.
A comisión de expertos da Xunta e do Once manexa media ducia de proxectos e o consorcio espera ter aprobados nos meses iniciais de 2007 os primeiros plans de traballo.