A Organización Mundial da Saúde (OMS) puxo en marcha a “Rede Mundial de Cidades Adaptadas ás Persoas Maiores”, cuxo obxectivo é dar unha resposta máis ampla ao rápido envellecemento da poboación mundial, xa que en 2050 o 80% dos 2.000 millóns de persoas de 60 anos de idade ou maiores previstos para esa data vivirán en países de ingresos baixos e medianos.
A iniciativa da OMS persegue axudar ás cidades a crear contornas urbanas que permitan ás persoas maiores seguir como membros activos e sans da sociedade. O proxecto iniciouse en 2006 coa determinación dos elementos crave da contorna urbana que apoian o envellecemento activo e san.
A investigación efectuada en 33 cidades confirmou a importancia de que as persoas maiores teñan acceso ao transporte público, os espazos ao aire libre e os edificios, así como a necesidade de brindarlles unha vivenda decorosa, apoio da comunidade e servizos de saúde. Ademais, puxo de relevo a necesidade de fomentar os vínculos que permiten a estas persoas ser membros activos da sociedade, combater os prexuízos por motivos de idade e brindarlles máis oportunidades de participación cívica e emprego, lembrou a organización.
A nova rede apóiase nestes principios “pero vai moito máis alá porque esixe que as cidades participantes emprendan un proceso continuo de avaliación e execución”. Os membros da rede comprométense a adoptar medidas eficaces para crear un ambiente mellor para os seus residentes de maior idade. Desde decembro de 2009, moitas cidades solicitaron afiliarse á rede, sinalou a OMS, que estableceu acordos oficiais co Goberno de Francia, a Rede Irlandesa para Envellecer Ben e a Rede Eslovena de Cidades Adaptadas ás Persoas Maiores para levar a cabo programas nacionais afiliados. Pero a primeira cidade inscrita como membro da Rede é Nova York, que recibiu onte o certificado de afiliación.
A OMS explicou que a resposta ao envellecemento da poboación centrouse case sempre nas consecuencias do aumento da demanda de pensións e asistencia sanitaria para os gobernos. Con todo, a Rede quere facer fincapé nas achegas positivas das persoas maiores á sociedade.