Un informe da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e o Programa Mundial de Alimentos (PMA) calcula que uns 925 millóns de persoas sufrirán este ano fame crónica, 98 millóns menos que en 2009. No entanto, o documento admite que é unha cifra “inaceptablemente alta”.
“Cada seis segundos morre un neno por problemas relacionados coa desnutrición”, de maneira que “a fame é aínda a maior traxedia e o maior escándalo do mundo”, sinalou o director xeral da FAO, Jacques Diouf. “Isto é absolutamente inaceptable”, asegurou. Diouf advertiu de que a dimensión do problema da fame “fai que sexa extremadamente difícil alcanzar non só o primeiro Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio (ODM), senón tamén os demais ODM”.
Os ODM son oito metas fixadas pola ONU no ano 2000 e que deberían alcanzarse en 2015. A primeira delas proponse erradicar a pobreza extrema e a fame. Con todo, o obxectivo de reducir a fame a escala internacional corre “un grave perigo”, xa que segundo Diouf a súa consecución vese ameazada polo recente incremento nos prezos dos alimentos.
“A acción enérxica e urxente dos países e do mundo foi eficaz para deter estas cifras galopantes da fame”, aínda que “non é o momento de relaxarse”, destacou a directora executiva do PMA, Josette Sheeran. “Debemos seguir a loita contra a fame para garantir a estabilidade e protexer a vida e a dignidade” das persoas, apuntou.
Os datos citados recóllense no informe anual “O estado da inseguridade alimentaria no mundo”, que publicarán a FAO e o PMA o próximo mes de outubro. O do ano pasado cifraba en 1.023 millóns as persoas que padecen fame crónica. O estudo atribúe en gran medida a redución nas cifras para este ano ás previsións de crecemento económico, en especial, nos países en vías de desenvolvemento, e á baixada dos prezos dos alimentos rexistrada desde mediados de 2008. Con todo, prevé que o recente aumento destes prezos fará máis difícil a loita contra a fame.