O labor das organizacións internacionais en Myanmar segue sendo difícil tres meses despois do paso do ciclón “Nargis”, que deixou no país 140.000 mortos e desaparecidos e máis de dous millóns de afectados. Os opositores ao réxime culpan á xunta militar da persistencia da pobreza, e o xefe para Axuda Humanitaria da ONU, John Holes, asegurou que “deberiamos enviar axuda aínda por seis meses”.
Despois da catástrofe, miles de voluntarios esperaron nas embaixadas de Myanmar a concesión de visados para poder viaxar ao país, situación que aínda se mantén, debendo informar previamente as autoridades birmanas. Doutra banda, o goberno no exilio a través de Ko Shwe, denuncia que “a axuda estatal fose dos campos de refuxiados é distribuída unicamente nas poboacións próximas a bases de apoio militar ou nas terras dos xenerais”. “Hai orfos por todos lados sen que ninguén os socorra e nenos de 15 anos ofrecen sexo a cambio dun pouco de diñeiro”, explica Ko Shwe.
Ante esta realidade, a organización Human Rights Watch demanda a creación dunha comisión independente que garanta a chegada da axuda ás áreas máis necesitadas e que evite situacións como a obrigación a moitos campesiños de regresar ás súas terras devastadas ou as perdas millonarias de Nacións Unidas a causa do cambio de divisas sobrevaluado imposto polo réxime. Ata agora a xunta militar non cedeu ás presións internacionais.