Uns 39 millóns de nenas en idade de cursar o primeiro ciclo de secundaria non están escolarizadas neste nivel de ensino , nin tampouco na escola primaria. Ademais, as mulleres representan dous terzos dos 796 millóns de adultos analfabetos do planeta. Os datos achegounos a UNESCO, que puxo en marcha a “Alianza Mundial para a Educación de Nenas e Mulleres” que tratará de mellorar a educación nestes dous grupos da poboación.
A iniciativa presentouse nun foro de alto nivel celebrado na sede da UNESCO (en París), no que participou o secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon. O obxectivo deste encontro era “galvanizar o apoio do sector público e o privado para que as nenas e mulleres de todo o mundo poidan recibir unha educación de calidade”, explicou a axencia da ONU.
“A educación é un dereito, pero non é unha realidade para demasiadas mulleres e nenas. A discriminación é con frecuencia a causa desta situación. Por iso, debemos loitar contra o tratamento desigual e inxusto que reciben”, defendeu Ban Ki-moon. Pola súa banda, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, sinalou que “os obstáculos que impiden a igualdade entre os sexos e a educación non son de ningún xeito insuperables”. “As adolescentes e as mulleres están a cambiar o mundo e o noso deber é apoialas. Temos que proporcionarlles os medios que necesitan para que configuren o mundo tal como desexan”, engadiu Bokova.
A “Alianza Mundial para a Educación das Nenas e Mulleres” centrarase en especial no ensino secundario e a alfabetización de adultos en África e Asia. O Grupo de Alto Nivel creado no foro celebrado o pasado 27 de maio contribuirá ao labor da Alianza a través da intensificación das actividades de sensibilización da opinión pública en todo o mundo, e tamén actuará como “conciencia mundial” da causa pola mellora da condición das nenas e as mulleres.