Con motivo da conmemoración do primeiro Día Internacional da Loita contra as Minas, UNICEF denunciou hoxe que os restos explosivos de guerras, incluídas as minas antipersoais e outros artefactos abandonados que non estalaron, ameazan a vida dos nenos en máis de 80 países. E iso que na maioría deles os conflitos armados xa cesaron.
Polo menos o 20% das 15.000 a 20.000 persoas que morren ou quedan discapacitadas cada ano por mor dese tipo de explosivos son nenos, segundo lembrou a axencia humanitaria. Ese drama podería evitarse en gran medida grazas aos traballos de levantamento de minas, que “poderían facerse en anos en lugar de en décadas”, como se calcula, e “salvar a miles de nenos da morte ou das feridas devastadoras” que provocan eses artefactos ao estalar, asegurou a organización.
O 85% das menores vítimas de minas morren antes de recibir atención médica, en tanto que os que quedan discapacitados adoitan deixar de ir á escola, porque xeralmente perden unha ou ambas as extremidades inferiores e, nos casos máis leves, os dedos dos pés, explicou a axencia da ONU.
Miles de minas antipersoais están enterradas en practicamente “todas as rexións do mundo” e particularmente en países como Colombia, Iraq, Afganistán, Nepal, Sri Lanka, así como na República rusa de Chechenia e en Bosnia-Herzegovina, precisou UNICEF. Situacións máis dramáticas aínda son as de Cambodia, onde en case a metade de localidades poden atoparse minas enterradas, ou en Laos, onde a cuarta parte de áreas poboadas atópase minada.
A directora executiva de UNICEF, Ann Veneman, asegurou que “as guerras non terminaron realmente ata que os nenos poden xogar de maneira segura e ir ás súas escolas sen temor das minas e outros tipos de remanentes explosivos”. A comunidade internacional debe traballar unida para remediar esta situación, afirmou Veneman, tras recalcar o feito de que cada vez máis países participan en accións de limpeza de minas e dan maior importancia tanto á asistencia ás vítimas como ás campañas de prevención destinadas á poboación civil.
Para remediar na medida do posible esta situación, a ONU solicitou 295 millóns de dólares para continuar este ano cos seus programas de desminado e asistencia ás vítimas en 44 países, mentres que o UNICEF solicitou 23 millóns adicionais.