As zonas altoandinas do sur de Perú rexistraron a morte de máis de 100 nenos (140 segundo os medios peruanos) debido ás baixas temperaturas sufridas desde os últimos días de maio. As razóns destes falecementos explícanse pola distancia dos postos médicos e a falta de atención, denuncia Axuda en Acción.
Para evitar máis vítimas, a ONG está a realizar campañas nas comunidades máis afectadas de Cusco, Apurímac e Puno que inclúen a entrega de medicamentos, roupa, zapatos e abrigo para os máis vulnerables. Ademais, ofrece charlas sobre alimentación adecuada e capacitacións a docentes para detectar as infeccións respiratorias agudas.
Axuda en Acción, a través dos seus colaboradores, tamén está a levar servizos de saúde ás comunidades do distrito de Umachiri en Puno, as provincias de Chumbivilcas, Chinchaypucyo e Anta en Cusco e o distrito de Mara en Apurímac, como parte da súa campaña “Solidariedade contra o Frío”.
A organización ten proxectado atender, só no mes de xuño, a máis de 3.200 persoas, especialmente nenas e nenos, adultos maiores e mulleres gestantes e en idade reprodutiva, así como persoas con enfermidades respiratorias, das zonas máis afastadas dos centros de saúde. Así mesmo, realizáronse vacinacións contra a gripe e a pneumonía, e actividades preventivas. Un equipo de profesionais da saúde, conformado por pediatras, médicos xerais e técnicos, está a cargo destes coidados, que inclúen a entrega de medicamentos de forma gratuíta.
Ademais, a ONG enviou máis de 1.000 forros polares, 500 pares de botas, igual número de medias grosas e 100 pezas de roupa para menores de cinco anos.
A organización ten planificado intensificar a súa acción nos próximos meses, estendendo as campañas de saúde máis aló das súas zonas de intervención, contando para iso coa colaboración das redes sanitarias do Ministerio de Saúde peruano e o apoio das autoridades locais.