O primeiro e único centro loxístico internacional da Cruz Vermella especializado en aloxamentos temporais para afectados por catástrofes sitúase en Barcelona. O seu primeiro labor consistirá en enviar 600 módulos para facer vivendas para as vítimas en Haití.
Situado nun espazo de 500 metros cadrados na Zona de Actividades Loxísticas do Porto (Zal), o centro almacenará as armazóns metálicas dos aloxamentos e será un espazo de sensibilización sobre a acción humanitaria. Ademais, será a sede dun equipo de voluntarios formados para dar resposta inmediata en materia de aloxamento temporal ou “shelter”. O almacén “reforza” o compromiso da entidade no ámbito do “shelter”, tal como indicou o presidente da Cruz Vermella en Cataluña, Josep Marquès, que confiou en que o seu labor de sensibilización, sobre todo de escolares e universitarios, contribuirá a unha sociedade “máis solidaria”.
O director xeral de Cooperación ao Desenvolvemento e Acción Humanitaria da Generalitat, David Minoves, considerou “estratéxica” a colaboración coa Cruz Vermella e destacou que Cataluña acolle un centro pioneiro e de alcance mundial. “O proxecto mellorará a calidade da acción humanitaria e a capacidade de resposta a emerxencias de Cataluña”, engadiu.
Cada aloxamento está formado por un módulo rectangular de 18 metros cadrados e capacidade para cinco persoas, e pode axustarse con outros para formar espazos comunitarios como centros de saúde e escolas. Ademais, móntase en tan só unha ou dúas horas e está fabricado con materiais resistentes a terremotos. Como primeira intervención, o centro loxístico da Cruz Vermella enviará entre abril e maio 600 módulos de aloxamento temporal para albergar ás vítimas do terremoto en Haití ata que accedan a unha vivenda permanente.