O Movemento Mundial en Favor da Infancia, unha organización internacional que engloba a entidades que defenden os dereitos dos máis pequenos e que está impulsada polo ex presidente de Sudáfrica e Premio Nobel da Paz, Nelson Mandela, terá a súa sede na cidade de Barcelona. Este organismo conta no seu comité coordinador coa presenza de seis organizacións de defensa dos dereitos dos nenos, como son Enda Tiers Monde, Plan, Redlamyc, Save the Children, Unicef e World Vision, con presenza en todos os continentes.
Barcelona é o “lugar perfecto” para emprazar a sede do organismo por ser un referente “estratéxico” a escala internacional, destacou o presidente da asociación, Dean Hirsch. Tamén aplaudiu as políticas en defensa da infancia desenvolvidas pola Consellería de Acción Social e Cidadanía da Generalitat de Cataluña desde 2003. En virtude do convenio asinado onte, con vixencia de catro anos, a Consellería achegará antes de que acabe o ano 300.000 euros e 125.000 máis a de Vicepresidencia.
Hirsch sinalou que no último decenio lográronse “grandes éxitos” na loita polos dereitos dos menores, entre os que citou a diminución da mortalidade infantil desde os 12 millóns de nenos cada ano ata o nove ou a formación de 800.000 novos mestres no África subsahariana. Resaltou tamén a administración de máis de 600 millóns de vacinas contra o sarampión e que máis de 50 millóns de nenos finalizasen un ciclo completo de educación básica.
No entanto, apuntou que os retos que quedan son “importantes”, sobre todo en materia de saúde e de inmigración. Entre eles citou os problemas que pode levar o cambio climático, á vez que avogou porque o cume de Copenhague que se iniciou onte sirva para adoptar medidas paliativas neste campo.