Etiopía vive unha grave crise alimentaria, segundo alertou a Federación Internacional da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella (FICR). Se non hai axuda, “miles de persoas poderían morrer de inanición nos próximos meses”, advirte a ONG.
A FICR detalla que a situación xa é crítica para unhas 40.000 persoas, das cales 14.000 son nenos e anciáns, aos que se ten previsto brindar asistencia alimentaria de emerxencia ata que a colleita de outubro aumente a dispoñibilidade e o acceso aos alimentos. Para iso, a Federación presentou unha petición de emerxencia por valor de 1,1 millóns de euros aos seus doantes. “Esta petición revisarase axiña que se dispoña de avaliacións completas en canto a necesidades de saúde, servizos de auga e saneamento”, subliña a organización.
A causante desta situación é a escaseza de choivas nas dúas últimas estacións, o que deteriorou a saúde do gando e provocado unha baixada do seu prezo. A iso súmase a elevada inflación (o 18% o ano pasado) debido, en gran parte, ao forte aumento do prezo dos cereais (o 22% en 2006 e 20% en 2007).