Varias asociacións de xitanos advertiron da actual situación de segregación escolar á que se enfronta a poboación infantil xitana. Un estudo, realizado pola Fundación Mario Maya e a Federación de Asociacións de Mulleres Xitanas Kamira, denuncia a elevada concentración de alumnado desfavorecido en colexios “gueto” tras analizar 23 centros educativos de Madrid, Barcelona, Córdoba e Badaxoz.
A coordinadora da investigación, Carmen Santiago, recoñece que só se trata dunha “mostraxe”, pero que os datos recolleitos coinciden coas experiencias acumuladas neste ámbito. Os resultados revelan que a pesar de que a porcentaxe de poboación xitana nas zonas onde se atopan os colexios analizados non supera o 50%, a concentración de alumnado desta etnia pasa o 80% en oito das escolas, e supera mesmo o 95% en catro delas.
A responsable lembrou que a redución da segregación escolar non está incluída dentro dos obxectivos da Estratexia Nacional para a Integración do Pobo Xitano 2012-2020 e reclamou unha investigación que delimite o alcance real deste problema. Ademais, solicitou a distribución equilibrada na matriculación de alumnos vía normativa e o reforzo de programas especiais en colexios con sobrerrepresentación dalgúns colectivos, como os proxectos de comunidades “de aprendizaxe” iniciados nalgúns centros.