A ruptura da Eurozona “podería supor unhas perdas de 30.000 millóns de dólares aos países máis pobres do mundo, debido á redución das actividades comerciais e do investimento estranxeiro”, alertou Oxfam –Intermón Oxfam en España- con motivo da próxima reunión dos líderes do G20 en México para debater sobre o estado da economía mundial. No caso de España, Intermón Oxfam pide ao Goberno “un sistema fiscal máis xusto así como a loita contra a evasión de impostos e os paraísos fiscais”.
De acordo cos cálculos de Oxfam, se o Euro rompese, a consecuente caída do Produto Interior Bruto (PIB) dos países europeos durante o ano seguinte á ruptura suporía unha perda de ingresos das exportacións a Europa para os países menos desenvolvidos (a maioría deles no África Subsahariana) de ata 20.000 millóns de dólares. Ademais, os países pobres perderían 10.000 millóns máis debido a un menor investimento estranxeiro no continente.
Segundo Intermón Oxfam, a desintegración da Eurozona agravaría os problemas derivados da actual crise económica aos que xa se enfrontan os países de ingresos baixos, como a escaseza de alimentos e a redución da axuda ao desenvolvemento e dos fluxos de capital.
Oxfam reclama ao G20 que apoie a aplicación dunha taxa ás transaccións financeiras (TTF, coñecida en moitos países como “a Taxa Robin Hood”) cuxos ingresos irían destinados a fomentar o desenvolvemento e impulsar medidas de adaptación ao cambio climático para axudar ás persoas máis pobres afectadas pola crise económica.
A Comisión Europea xa propuxo unha TTF a nivel europeo que podería chegar a recadar 57.000 millóns de euros cada ano. A portavoz de Intermón Oxfam, Susana Ruiz, considera que “España debe sumarse á iniciativa francoalemana, e apoiar a inclusión da taxa ás transaccións financeiras, que non prexudica ao contribuínte, só aos movementos especulativos de capital e consegue financiamento extraordinario, moi necesaria nestes momentos, posto que compensaría os recortes en servizos sociais e en cooperación”.
A ONG tamén considera que o G20 debe tomar medidas urxentes para pór freo á especulación financeira con produtos alimentarios, eliminar as políticas de apoio aos biocombustibles e mellorar os dereitos sobre a terra.