Mañá, luns 13 de outubro, comeza o período de inscrición da proposta educativa en liña “Conectando mundos”, promovida por Intermón Oxfam e que neste curso 2008-2009 leva o título de Efecto “bolboreta”. A súa intención é “subliñar que, así como o aleteo dunha bolboreta pódese sentir no outro lado do mundo, o noso modelo de desenvolvemento tamén ten importantes repercusións”, explicou a ONG.
Esta nova edición busca reflexionar sobre as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento, en concreto o modelo enerxético e o uso de transportes, co fin de propor alternativas en políticas socio-ambientais e cambios de conduta baseados no consumo responsable, detallaron desde a organización. Os destinatarios desta proposta para centros de Primaria e Secundaria son alumnos e alumnas de 6 a 17 anos de calquera parte do mundo. Os centros poden inscribirse na actividade, ata o 21 de decembro, a través da web www.conectandomundos.org.
Intermón sinalou que “Conectando mundos” é un espazo educativo alternativo que promove a participación e o intercambio entre estudantes de diferentes realidades culturais, económicas e sociais a través da Rede. O seu obxectivo é iniciar procesos de traballos cooperativos, participativos e democráticos mediante as novas tecnoloxías, engadiu. Para iso, a actividade organízase en comunidades de aprendizaxe diferenciadas por idades.
A proposta naceu no curso 2003-2004 e desde entón abordou diferentes problemáticas sociais, como os dereitos laborais, a construción da paz, a pobreza ou a escaseza de auga. Na edición 2007-2008 de Conectando “mundos” participaron 15.694 alumnos e alumnas de 312 centros escolares de 18 países de todo o mundo.