Miles de persoas perderon as súas vivendas e centos resultaron mortas ou feridas por mor do tres terremotos que sacudiron o suroeste de Paquistán na mañá do mércores, segundo informou o Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR)

“Non se dispón aínda de información clara achega do número de mortos ou de feridos, pero segundo as primeiras informacións pode haber centos de feridos ou mortos, e miles de persoas poden quedarse sen teito”, declarou Andrew Bartles-Smith xefe da subdelegación do CICR en Quetta. As últimas estimacións falan de máis de 200 mortos.
A provincia de Baluchistán viuse afectada por tres sismos consecutivos, cuxa magnitude foi, respectivamente, de 6,2, 6,2 e 6,4 graos na escala de Richter, tras os cales se rexistraron réplicas.
Os distritos máis afectados son Pashin, Ziarat e Kila Saifula. “É unha rexión accidentada e chegaron noticias de que varias estradas están bloqueadas”, sinalou Cruz Vermella.
Os distritos máis afectados son Pashin, Ziarat e Kila Saifula
A Media Lúa Vermella de Paquistán enviou dous equipos médicos móbiles e 28 membros do persoal e voluntarios para distribuír axuda entre unhas 100 familias. O CICR ten previsto enviar paquetes con subministracións médicas á rexión, e hoxe mesmo chegará un avión cun equipo médico.
“O CICR traballa estreitamente coa Media Lúa Vermella de Paquistán e está preparado para incrementar a súa resposta humanitaria a favor das persoas que necesitan axuda”, indicou a organización.
Pola súa banda, a Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella enviou á zona afectada un equipo de apoio, no que figuran un experto en xestión en casos de desastre e un especialista en saúde.
Axuda de Oxfam
Pola súa banda, Oxfam Internacional (Intermón Oxfam en España) enviou un equipo de catro traballadores humanitarios aos lugares máis afectados polos sismos. Este equipo avaliará as necesidades no terreo e entregará un paquete de axuda inicial ás poboacións valorado en 62.500 euros.
“O terremoto sentiuse dúas veces. Espertámonos co primeiro ás 4:30 horas. Non foi un gran tremor pero saímos todos de casa. Todo tardou pouco máis dun minuto e volvemos a casa a pesar de saber que se poderían sentir réplicas. Entón, ás 5:15, percibimos unha gran réplica. A casa tremeu tanto que se atascou a porta. Finalmente conseguimos saír de casa. Fóra estabamos moi asustados e facía moito frío. Sentimos o tremor durante varios minutos”, relatou Khalid Gill, un dos membros do equipo que estaba na zona afectada no momento do sismo.
Aínda hai persoas atrapadas entre os cascallos, polo que o número de mortos e feridos pode aumentar
“A pesar de que a rexión está escasamente poboada estímase que haxa entre 2.500 a 3.500 persoas damnificadas. A área afectada está situada a 2.400 metros de altitude e o acceso é moi difícil. Durante o inverno as poboacións desprázanse cara ás terras baixas. Se o terremoto fose no verán, o numero de victimas sería moito máis elevado”, explica Intermón Oxfam.
A ONG di que aínda hai persoas atrapadas entre os cascallos, polo que o número de mortos e feridos pode aumentar. A zona máis prexudicada é o distrito de Ziarat. “Hai testemuños de que a cidade de Ziarat foi totalmente arrasada. Os hospitais provinciais declaráronse en situación de emerxencia, desbordados pola chegada de feridos”, detalla a organización.