O Goberno de Xapón anunciou que contabilizará cantos nenos quedaron orfos como consecuencia do terremoto e posterior tsunami que arrasou a costa nororiental do país o pasado 11 de marzo. “O último desastre causou danos a gran escala e tememos que un gran número de nenos perdesen aos seus pais”, explicou un funcionario do Ministerio de Sanidade, Traballo e Política Social xaponés.
O citado Ministerio será o encargado de levar a cabo este labor, dado que os gobernos locais das áreas máis afectadas polo desastre natural non se atopan en disposición de comprobar o estado destes menores.
Segundo os datos que manexa Save the Children, hai máis de 100.000 nenos desprazados en Xapón debido á catástrofe. A esta situación, “xa de seu complicada”, súmase agora a baixada drástica de temperaturas na zona afectada, que provoca fortes nevadas e que pon en perigo a saúde dos pequenos, alerta a ONG.
“Vemos a familias agruparse ao redor de fogueiras para quentarse. Baixo estas temperaturas, os nenos son moi vulnerables a enfermidades como infeccións no peito ou gripes”, explica o coordinador do equipo de Save the Children en Xapón, Stephen McDonald. Ademais, “a tensión que viven fai que o seu sistema de defensas sexa máis débil”, engade.