Un total de 75 mozos foron seleccionados para traballar en varios proxectos da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) en América Latina, África, Asia e Europa do Leste. A contratación deste persoal forma parte da vixésima edición do Programa Novos Cooperantes do Instituto da Mocidade (Injuve), que ten “como obxectivo formar a mozos nos fins e propósitos da cooperación ao desenvolvemento e ofrecer un coñecemento en accións que permitan a adquisición dunha experiencia profesional, susceptible de ser utilizada posteriormente”, explicou Beatriz Moran, Secretaria Xeral da AECID.
Pola súa banda, o Director Xeral do Injuve, Gabriel Alconchel, dixo ao termo do curso de formación dos cooperantes que a súa decisión de traballar a favor dos máis desfavorecidos “demostra que contamos cunha mocidade solidaria e comprometida, con soños compartidos con mozos doutros países e que está disposta a traballar de xeito conxunto para realizalos”.
No Programa Novos Cooperantes participan tres organismos da Administración: o Injuve, a AECID e o Servizo Público Estatal de Emprego (SPEE-INEM). Consiste nunha práctica laboral e formativa no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, dirixida a mozos desempregados, entre 18 e 30 anos, con titulación universitaria. Estes son contratados polo Injuve para traballar, no ámbito da súa profesión, nalgún país onde a AECID desenvolve proxectos de cooperación.
Das 75 persoas seleccionadas, o 65% son mulleres (49) e o 35% son homes (26). Traballarán en proxectos como o Plan Piloto de Actuación Contra as Violencias de Xénero en Filipinas, o Apoio á Loita contra o Cambio Climático España-Vietnam, a Promoción do Goberno da Seguridade Cidadá e a atención especializada a Vítimas de Violencia Intrafamiliar e de Xénero: Seguridade Cidadá, ambos en Paraguai. Tamén participarán en plans relacionados coa educación, a loita contra a pobreza, as microempresas, o medio ambiente, a mellora do hábitat, o desenvolvemento rural, a restauración do patrimonio artístico, o fortalecemento institucional, etc.
Unha vez finalizados o nove meses de traballo no exterior, o Injuve convidará os participantes a un foro onde se avaliará o Programa e ofrecerase información para facilitar o seu emprego no ámbito da cooperación, tanto na ONG como en organismos internacionais.