O servizo Atendo para viaxeiros con mobilidade reducida que presta Renfe superou o millón de asistencias desde que arrincase en 2008. O operador ferroviario destaca que o servizo se incrementou un 33% en 2011 con respecto ao pasado exercicio. Tamén aumentou “a valoración dos usuarios e o recoñecemento, tanto de colectivos e asociacións da discapacidade, como de organismos de certificación de calidade, caso de AENOR”, asegura Renfe.
O mapa do servizo Atendo fórmano 350 profesionais e 125 estacións de toda España, 66 con servizo de asistencia permanente e 59 con servizo de asistencia puntual. Madrid, cun 27%, Andalucía, cun 19%, e Cataluña, cun 13%, son as comunidades onde máis asistencias a viaxeiros con mobilidade reducida prestáronse.
O volume de tráfico ferroviario de Renfe nas principais estacións do país tamén se ve reflectido na prestación deste servizo de asistencia para persoas con discapacidade . Na estación de Porta de Atocha de Madrid, Atendo prestou ata a data máis de 183.000 asistencias, máis de 98.000 na estación de Barcelona Sants e máis de 53.000 na estación de Sevilla Santa Xusta.
Atendo é o servizo de atención e asistencia especializada para viaxeiros con discapacidade ou mobilidade reducida que Renfe pon a disposición dos seus clientes. Trátase dun servizo personalizado que orienta, informa e facilita ao viaxeiro o acceso e tránsito polas estacións, así como a asistencia na subida e baixada dos trens.
A prestación do servizo, permanente ou puntual, determínase en función do número de viaxeiros e trens que circulan por cada estación. Nas estacións con servizo permanente, o viaxeiro obtén a asistencia sen previa solicitude, coa presentación do seu billete con polo menos 30 minutos de antelación á saída do seu tren no punto de encontro designado de cada estación. Nas estacións con servizo puntual, o viaxeiro pode obter a asistencia solicitándoa con polo menos 12 horas de antelación ao horario de saída do seu tren, lembra Renfe.
A solicitude de asistencia tamén pode realizarse no momento da compra do billete, tanto na estación como en Internet (www.renfe.com), ou a través do teléfono específico para a atención destes viaxeiros, o 902 24 05 05. Ademais deste teléfono, os clientes poden consultar a “Guía do Servizo Atendo para Viaxeiros con Discapacidade” actualizada en www.renfe.com ou dirixir algunha consulta máis específica á Oficina Central de Atendo no teléfono 917744040 ou por correo electrónico (oca.accesibilidad@renfe.es).