O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo concluíu que Italia “violou o Convenio Europeo de Dereitos Humanos cando interceptou e devolveu a Libia a un grupo de somalíes e eritreos en 2009 sen analizar antes se esta actuación constituiría un risco real para as súas vidas”, segundo informou a Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR).
A organización internacional considera que esta sentenza “proporciona unha orientación importante para os estados da Unión Europea sobre as prácticas de control de fronteiras e intercepción, que representa un punto de inflexión respecto das responsabilidades do Estado e a xestión dos fluxos migratorios mixtos”.
Cando o caso “Hirsi Jamaa e outros contra Italia” chegou ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, ACNUR lembrou a obrigación dos Estados de non devolver forzosamente a persoas cara a países onde poidan ser obxecto de persecución ou sufrir danos graves. “É o que se coñece como o ?principio de non devolución?”, explica. Na súa presentación ao Tribunal, a axencia de Nacións Unidas subliñou que, dada a situación que prevalecía en Libia naquel momento, “as políticas de devolución impedían o acceso á protección e socavaban o principio de non devolución, que tamén se aplica en alto mar”.
Aínda que ACNUR recoñece os desafíos que a inmigración irregular expón para Italia e outros países europeos e valora os esforzos “significativos” que realizaron para salvar vidas nas súas operacións de procura e rescate, a organización lembra que as persoas rescatadas ou interceptadas no mar atópanse, a miúdo, nunha situación de maior vulnerabilidade que outros solicitantes de asilo, tanto física como psicoloxicamente e por tanto non poden expresar a súa intención de solicitar asilo de maneira inmediata despois de ser interceptados no mar. ACNUR recomenda que as medidas de control fronteirizo permitan o acceso ao territorio para aquelas persoas que se atopan en necesidade de protección internacional.