O Goberno de España, a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e as comunidades autónomas -salvo o País Vasco, que ten transferidas as competencias- acordaron na Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais a transferencia de máis de 47 millóns de euros para que as corporacións locais poidan prestar servizos sociais de atención básica. Esta partida orzamentaria é un 45% inferior á repartida o ano pasado.
A pesar deste importante recorte, o departamento dirixido por Ana Mato asegurou que seguirán coas súas actividades os “comedores sociais, centros de día, minirresidencias ou pisos tutelados, albergues para persoas sen fogar e centros de acollida para persoas con graves problemas de convivencia”.
A redución dos fondos destinados aos servizos sociais de atención básica que prestan os concellos, unha partida incluída nos Orzamentos Xerais do Estado, é consecuencia dos axustes e a consolidación fiscal á que se enfrontan as administracións para adecuarse aos obxectivos de déficit comprometidos. As dotacións nalgúns casos non chegan ao millón de euros, como é o caso de Cantabria (728.000 euros) ou A Rioxa (706.000).
Sanidade asegurou que a partida que se distribuirá entre as autonomías permitirá dar aos cidadáns “servizos sociais adecuados para a cobertura das súas necesidades básicas, dotar de apoio económico e asistencia técnica ás corporacións locais e consolidar a rede de servizos sociais municipais con atención prioritaria á axuda a domicilio e a teleasistencia”. O Ministerio, ademais, por medio do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO), cofinanciará o programa de axuda a domicilio dos concellos de Ceuta (979.480 euros) e Melilla (733.484).
Na Conferencia Sectorial celebrada o 10 de xullo tamén se acordou que as comunidades reciban 550.000 euros para desenvolver os seus respectivos programas contra a marxinación do colectivo xitano, uns proxectos que terán que facer fincapé na educación, emprego, saúde e vivenda para a súa integración social.
Por outra banda, Sanidade e as comunidades autónoma analizaron un borrador de catálogo de referencia de servizos sociais co fin de asentar uns criterios mínimos de calidade comúns para toda a xeografía nacional. O documento estudarase tamén co Terceiro Sector, informou o departamento dirixido por Ana Mato.
Neste documento determínanse os servizos básicos e os complementarios, e distínguese tamén entre prestacións de servizos -de información, valoración, de atención telefónica, protección de menores e atención psicosocial, entre outros-, e as económicas -como as rendas mínimas, axudas de emerxencia, a vítimas de violencia de xénero e a persoas en situación de dependencia-.