A proba de que indíxenas illados están a fuxir de Perú a Brasil atópase no recente descubrimento de frechas por funcionarios do Goberno nun dos recunchos máis remotos da Amazonía brasileira, segundo denunciou a organización Survival.

As frechas foron recuperadas por membros do Departamento de Asuntos Indíxenas do Goberno brasileiro (Funai) preto dun posto de protección establecido para observar os movementos dos indíxenas illados da rexión. As frechas son diferentes daquelas que utilizan os grupos non contactados na fronteira ao lado brasileiro, apuntou José Carlos Meirelles, encargado de dirixir o posto. Así mesmo, atopáronse pegadas, restos dunha fogueira e o lugar onde acamparan pola noite, á ribeira do río. Estímase que formaban un grupo dun seis ou sete persoas.
Talla ilegal
A ONG di que os indíxenas foxen de Perú escapando da talla ilegal que está devastando os seus territorios. No principio do ano foron fotografados en territorio brasileiro refuxios construídos por indíxenas illados procedentes de Perú, a un cinco quilómetros da fronteira. Como consecuencia da talla nesa rexión xa se produciu un desastroso contacto con membros do pobo dos murunahua, que se saldou coa morte de máis da metade da comunidade.
As frechas foron achadas na mesma rexión na que un pobo indíxena non contactado de Brasil foi fotografado hai uns meses. Como resposta inmediata a esas imaxes, o Goberno peruano prometeu investigar a talla, pero ata a data “non desenvolveu ningunha acción efectiva neste sentido”, critica Survival.
“Aquí temos unha proba máis de que os indíxenas illados están a fuxir de Perú a Brasil. O Goberno peruano non debe ignorar a difícil situación de quen son, de feito, algúns dos habitantes máis vulnerables de Perú”, sinalan desde a organización. E é que o presidente de Perú, Alan García, suxeriu publicamente que os pobos indíxenas illados non existen, argumentando que foron “creados” por medioambientalistas “” que se opoñen á exploración petroleira no Amazonas.